José Miñones avanza que o Goberno aboou este mes 55,3 millóns de euros a 6.434 granxas lácteas de Galicia, un de cada tres euros das axudas ao sector en España

José Miñones avanza que o Goberno aboou este mes 55,3 millóns de euros a 6.434 granxas lácteas de Galicia, un de cada tres euros das axudas ao sector en España

13/06/2022

Galicia acumula a porcentaxe máis alta de axudas a nivel estatal, co que o Goberno “referenda o compromiso coa maior potencia láctea de España”

O delegado engade que os produtores de carne de Galicia percibirán 11,8 millóns de euros en axudas directas ata sumar 67,2 millóns de euros en total para o sector primario

Reitera que o Goberno aposta polo rural e polo sector primario como eixo de pervivencia do mundo rural de Galicia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou hoxe que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación aboou este mes 55.344.209 euros a 6.343 explotacións lácteas de Galicia para paliar os efectos do conflito de Ucraína sobre este sector esencial para a economía de Galicia. Estas axudas forman parte do Plan Nacional de Resposta ás consecuencias da guerra de Ucraína que aprobou o Goberno de España a finais do pasado mes de marzo e que contemplaba un paquete de axudas directas para o sector primario que sumaba 430 millóns de euros. “Falamos de axudas que pasan do papel ao balance das explotacións e que deixarán en Galicia 67,2 millóns de euros unha vez sumemos as destinadas ás granxas de produción de carne”, explicou.

José Miñones desprazouse hoxe ata a granxa Agra Silva, en Lalín, propiedade de Román Santalla, secretario de Gandaría  da Unión de Pequenos Agricultores (UPA),  e da súa familia. O delegado repasou con el as dificultades que atravesa o sector lácteo ante a subida de custos de produción e a crise de materias primas. Ante este gandeiro, o delegado reiterou o esforzo do Goberno para materializar canto antes as medidas urxentes aprobadas, como son as medidas económicas: “Estamos ante unha medida excepcional para unha situación excepcional, que foi adoptada con urxencia e que, coa mesma urxencia, estamos a cumprir”, engadiu. E reiterou que o Goberno de España aposta polo rural e polo sector primario como eixo da pervivencia do mundo rural de Galicia.

Un de cada tres euros para o sector lácteo en Galicia

O delegado do Goberno explicou que os 55,3 millóns pagos en Galicia representan un terzo do total que aboou o Ministerio de Agricultura en toda España e que ascende a 159 millóns de euros. “Ademais, a metade do entregado ao lácteo de vaca, 119 millóns, quedou en Galicia, o que dá conta novamente da fortaleza do sector lácteo galego a nivel nacional”, indicou.

O pago efectuado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación chegou a 6.434 explotacións de Galicia, que representan o 34,2% do total nacional. Os importes aboados en Galicia distribúense da seguinte forma entre o catro provincias:

- A Coruña: 2.584 explotacións perciben 23.280.788,40 euros

 - Lugo: 2.835 explotacións perciben 25.115.414,70 euros

 - Ourense: 37 explotacións perciben 315.867,35 euros

 - Pontevedra: 978 explotacións perciben 6.632.138,97 euros

Os beneficiarios destas axudas son persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións de produción de leite de gando vacún, ovino ou caprino. A contía defínese en función de importes unitarios máximos por cabeza de gando. O importe máximo por titular de explotación non pode superar os 35.000 euros.

O delegado explicou que este pago vai ter unha continuación nas próximas semanas, nas que o Ministerio de Agricultura vai resolver alegacións e a completar a documentación doutras persoas beneficiarias. “Ese segundo abono será de 16 millóns de euros e estou seguro de que unha parte importante deles tamén repercutirán en Galicia”, indicou.

Axudas para o sector de carne

Xunto ao lácteo, o Goberno contempla unha partida de 193,4 millóns de euros para conceder unha axuda excepcional a outras producións gandeiras e agrícolas que se consideran tamén especialmente afectadas o conflito bélico.

Entre elas están os produtores de carne de vacún, ovino, caprino, aves e coellos, para os que se reserva preto de 155 millóns de euros do total previsto e 110 deses millóns son para granxas de vacún.

“A diferenza das axudas ao lácteo anteriores, a tramitación, resolución, xustificación, pago e control destas axudas correspóndelle á Comunidade Autónoma, que ten un prazo máximo de tres meses para resolver e notificar estas concesións”, explicou o delegado.

Respecto dos fondos, José Miñones informou que o Goberno xa puxo a disposición das comunidades o orzamento necesario para proceder ao pago das axudas. “A Xunta de Galicia xa conta cos 11,8 millóns de euros que precisa para polas en marcha, así que xa dispón dos fondos e da regulamentación para facelas chegar ás explotacións da forma máis rápida posible, porque así o demandan os gandeiros e gandeiras de Galicia”, insistiu.