José Miñones anuncia unha primeira transferencia histórica de 67,2M€ á Xunta para impulsar a rehabilitación de 3.000 vivendas en Galicia co Plan de Recuperación do Goberno

03/11/2021

Avanza que os programas que xestiona o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana suman xa compromisos en Galicia que acadan os 220 millóns de euros

Esta primeira transferencia sumará outra no futuro para cumprir os obxectivos en rehabilitación e mellora de eficiencia enerxética en edificios e barrios de Galicia

A comezos de 2022, tamén aportará os primeiros 30 millóns de euros para a construción de vivendas para aluguer social en edificios enerxeticamente sostibles, que permitirá que Galicia dispoña de 1.100 vivendas deste tipo

O delegado agarda que a Xunta responda cunha xestión eficaz, á altura dun tema tan sensible como o da vivenda, porque “non podemos permitirnos perder nin un só euro para a recuperación de Galicia”


O delegado do Goberno, José Miñones, presentou hoxe en Santiago o impacto en Galicia do compoñente adicado á rehabilitación e rexeneración urbana do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. En concreto, acudiu á nova Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago para avanzar as primeiras partidas de fondos europeos para vivenda en Galicia, que xestiona o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado avanzou que o Plan de Recuperación permitirá a execución de 3.000 actuacións de rehabilitación en casas, edificios e barrios e a construción de 1.100 vivendas para aluguer social en edificios enerxeticamente sostibles.

José Miñones avanzou que, nos vindeiros días, o Ministerio de Transportes transferirá á Xunta os primeiros 67,2 millóns de euros cos que a Administración Autonómica poderá financiar convocatorias de achegas para a rehabilitación de barrios, edificios, actuacións de mellora de eficiencia enerxética, redacción de proxectos ou programas de apoio ás oficinas de rehabilitación: “Esta será a primeira anualidade, que se repetirá o vindeiro ano ata sumar 134,5 millóns de euros para os fogares galegos. O Plan de Recuperación supón un impulso á rehabilitación e a rexeneración urbana como nunca antes se fixo”, subliñou.

Plan de Rehabilitación e Rexeneración Urbana

O compoñente do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia adicado á rexeneración urbana contempla seis programas dos que catro son xestionados polo Ministerio de Transportes e, os dous restantes, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A materialización destes programas realízase a través dun modelo de cogobernanza coas comunidades autónomas e as entidades locais, ás que o Goberno transferirá fondos para que executen directamente ou ben realicen convocatorias de axudas, en función de cada programa. No caso de Galicia, o delegado avanzou que os compromisos do departamento liderado pola ministra Raquel Sánchez suman ata o momento 220 millóns de euros. E lembrou que se sumarán novas partidas a medida que avance a execución do Plan, que remata en 2023.

O delegado do Goberno lembrou a necesaria implicación das comunidades na execución do Plan de Recuperación, un compromiso imprescindible que asumiron nas distintas reunións e conferencias e que agarda recibir da Xunta xa que “non podemos permitirnos perder nin un só euro na recuperación de Galicia”. “Toca poñerse a xestionar de verdade para que estes fondos chegue aos fogares e se executen na súa totalidade”, insistiu ao tempo que manifestou que agarda do Executivo galego una xestión eficaz, á altura dun tema tan sensible como o da vivenda.

Na presentación, o delegado do Goberno detallou as liñas de actuación na materia de vivenda e os primeiros compromisos orzamentarios acordados polo Ministerio de Transportes e as comunidades autónomas para garantir a súa execución:

-          Programa de Rehabilitación para impulsar a recuperación en contornas urbanas e rurais. Neste investimento Galicia percibirá 137,5 millóns de euros, entre os que se atopan os 67,2 M que se transferirán de xeito inminente.

-          Programa de construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes. Son fondos que se transferirán ás comunidades autónomas en dúas anualidades. A primeira, que se entregará a comezos de 2022, suporá para Galicia 30 millóns de euros aos que se sumarán outros 30 máis nunha segunda achega. O obxectivo é acadar en Galicia a construción de 1.100 vivendas deste tipo ao final do período.

-          Programa de Impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep) que se dirixe á rehabilitación sostible do parque público institucional co obxectivo dun aforro enerxético superior ao 30%. No caso das CCAA transferiranse directamente os fondos en función dos proxectos e sempre garantindo o equilibrio territorial. De acordo co aprobado na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, a Xunta de Galicia recibiría 27,3 millóns de euros.

-          Finalmente, o programa de axudas para a elaboración de proxectos piloto de plans de acción local da Axenda Urbana Española. Neste caso, xa se convocaron estas axudas destinadas a concellos e deputacións.