Maica Larriba subliña o compromiso do Goberno co deporte con 2 millóns de euros en achegas para os clubes da liga Asobal tras a pandemia da COVID-19

11/11/2021

O Executivo busca con esta iniciativa compensar a baixada de ingresos por entradas e os gastos sanitarios.


Pontevedra, 10 de novembro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse esta tarde cos responsables e xogadores do club Frigoríficos Morrazo Balonmán Cangas para informar da convocatoria de axudas a clubs de balonmán da liga ASOBAL posta en marcha polo Ministerio de Cultura e Deporte co fin de paliar os efectos da redución de ingresos orixinados pola falta de público durante as tempadas 2019/2020 e 2020/2021, así como para coñecer de primeira man a situación do equipo.

Tras saudar aos xogadores e corpo técnico e directivo do Frigoríficos, que pode ser beneficiario desta iniciativa, Larriba quixo “poñer en relevancia esta convocatoria de axudas dirixida aos clubs de balonmán que participasen na liga ASOBAL durante as dúas últimas temporadas”. O obxectivo que persegue o Goberno, explicou a subdelegada, “é compensar os efectos da redución de ingresos orixinados pola falta de público nos partidos e por tanto a diminución nos ingresos por venda de entradas e abonos”. Tamén búscase sufragar aqueles gastos xerados pola necesidade de aplicar probas de detección da COVID-19 con carácter excepcional derivadas da pandemia.

A subdelegada sinalou que as axudas “evidencian o compromiso do Executivo co balonmán ao mobilizar 2 millóns de euros en achegas para mitigar as consecuencias da pandemia da COVID-19”.

"Queremos impulsar a recuperación das entidades deportivas que máis sufriron os efectos da crise sanitaria. As axudas responden ao compromiso do Goberno de non deixar atrás a ningún estamento do mundo do deporte no proceso de volta á normalidade", asegurou Larriba.

A subdelegada enmarcou esta iniciativa do Goberno dentro da serie de medidas que buscan a mellor saída da crise sanitaria. O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia é o mellor exemplo da vontade do Executivo para impulsar a volta á normalidade con maior impulso.

"A nosa responsabilidade é apostar por unha recuperación xusta de todo o deporte. Os clubs desempeñan un papel fundamental na estrutura deportiva da nosa provincia e son un orgullo para todos os veciños e veciñas, polo que contarán co apoio das institucións para que sigan traballando polo desenvolvemento do noso deporte", engadiu.