Maica Larriba destaca no Grove o apoio decidido do Goberno aos proxectos de investigación e xestión da biodiversidade

29/10/2021

Lembrou que o MITECO, a través da Fundación Biodiversidade, mantén abertas tres convocatorias de axuda dirixidas a financiar programas de conservación e estudo de especies e ecosistemas. A subdelegada puxo en valor o “gran traballo que leva a cabo o BDRI na protección da vida mariña e na formación de futuros científicos”.


Pontevedra, 29 de outubro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desprazouse esta mañá ao Grove para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), un centro de investigación do medio mariño creado en 2005 que se dedica ao estudo e conservación da biodiversidade mariña. Concretamente, o BDRI centra os seus estudos en cetáceos como delfíns, toniñas ou baleas, ademais de sobre outras especies deste medio como son as aves ou as lontras.

Maica Larriba foi recibida por polo director do centro, Bruno Díaz,  e puxo en valor “o traballo do equipo do BDRI” do que dixo “leva moitos anos xogando un papel fundamental na protección da biodiversidade mariña, na conservación dos nosos cetáceos e na divulgación das súas problemáticas”. Así mesmo, destacou a función formativa que desempeña “para crear futuras xeracións de científicos mariños e darlle visibilidade aos problemas actuais para entendelos mellor e tomar medidas que reduzan o impacto das actividades mariñas nos ecosistemas”. Finalmente, Maica Larriba chamou á atención sobre a necesidade de preservar as especies e os ecosistemas mariños promovendo a colaboración de todos os sectores e administracións co fin de procurar o equilibrio social, económico e medioambiental”. 

Así, o BDRI dispón dun permiso especial do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través do que realiza investigacións científicas e programas de formación no estudo dos mamíferos mariños. Nesta liña, Maica Larriba lembrou que o colectivo contou co apoio económico da Fundación Biodiversidade para levar a cabo o durante os anos 2020 e 2021 o proxecto Balaenatur, unha investigación que esta aportando información moi valiosa sobre as baleas azuis en augas de Galicia e que servirá de base para a toma de decisións que favorezan a conservación destas especies.

No marco do “gran traballo que desenvolve o BDRI”, Bruno Díaz informou á subdelegada da importancia dos últimos achados do centro como son a aparición recente dun gran grupo de baleas azuis que volveron ás costas galegas xusto cando se cumpren 40 anos da eliminación da caza industrial destes grandes mamíferos. Igualmente, o director do BDRI fixo referencia á relevancia de ter censados máis de 500 arroaces que permanecen todo o ano alimentándose e vivindo aquí, o que demostra a riqueza dos ecosistemas mariños galegos.

A subdelegada do Goberno aproveitou a visita a BDRI para subliñar a aposta firme do Goberno de España no apoio a iniciativas e proxectos de conservación, investigación, xestión da biodiversidade, do medio natural e dos ecosistemas, así como para loitar contra o cambio climático e promover a economía verde e o emprego sustentable.

Axudas Fundación Biodiversidade

Maica Larriba recordou que o Goberno, a través da Fundación Biodiversidade , mantén aberta a convocatoria de 3 liñas de axuda financiadas con fondos europeos de recuperación destinadas a apoiar proxectos e programas desenvolvidos por organizacións, como foi o caso das adxudicadas a BDRI.

A primeira liña  vai dirixida a proxectos de investigación en materia de xestión da biodiversidade con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 3 de xaneiro e poden optar á convocatoria todas as entidades de carácter científico que promovan proxectos de investigación en materia de xestión da biodiversidade  que xeren a aplicación de coñecemento científico sobre eixos como a transición enerxética, a biodiversidade e o impulso aos corredores biolóxicos e as infraestruturas verdes. O Goberno destina 2,5 millóns a esta convocatoria, cun máximo de 400.000 euros por proxecto e para proxectos que se desenvolvan como máximo ata finais de 2025.

A segunda liña de axuda diríxese a iniciativas de reforzo das redes de varamento e rescate de especies mariñas. O prazo para solicitala permanece vixente ata o día 24 de novembro e poden optar entidades sen ánimo de lucro, universidades públicas, institutos universitarios e comunidades autónomas. O importe total da convocatoria é de 4,25 millóns de euros para axudas de entre 50.000 e 400.000 euros por proxecto.

Así mesmo, permanece aberta unha terceira liña de axudas dirixidas a apoiar os centros de rescate de espécimes vivos decomisados que contribúan á conservación de especies ameazadas de fauna e flora polo seu comercio ilegal incorporadas ao convenio CITES. Estas achegas poden solicitarse ata o 25 de novembro cunha contía máxima de 200.000 euros por proxecto dun total de 4 millóns de euros de convocatoria.