Os Recoñecementos Meninas do Goberno destacan a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a artista Guadi Galego ou o Foro Feminista de Lugo

30/10/2021

Completan os recoñecementos a referente feminista Paloma Rodríguez e Xeracción Sociedade Cooperativa Galega

Os recoñecementos Meninas, fallados polo xurado presidido polo delegado do Goberno, José Miñones, recoñecen o labor de persoas ou entidades que destacan polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero

Polo seu intenso traballo que implica a outras 64 entidades, o recoñecemento galego recae na Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur)

O Goberno suma 12 millóns de euros en investimento en Galicia para loitar fronte á violencia machista este ano


A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a artista Guadi Galego, o Foro Feminista de Lugo, Xeracción Sociedade Cooperativa Galega e a referente feminista Paloma Rodríguez, a título póstumo, reciben os Recoñecementos Meninas pola súa loita pola igualdade, segundo o fallo publicado hoxe polo xurado, presidido polo delegado do Goberno, José Miñones. Trátase da cuarta ocasión na que os galardóns do Executivo en materia de igualdade chegan a Galicia, neste caso con estes cinco recoñecementos e catro mencións honoríficas.

Con motivo da celebración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Delegación do Goberno recoñece o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Nese sentido, sobresae polo seu intenso traballo que implica a outras 64 entidades a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) en Galicia.

Na provincia da Coruña, os galardóns son para a artista Guadi Galego e a referente feminista Paloma Rodríguez, a título póstumo. Guadi Galego é unha “muller comprometida coa igualdade”, segundo relata o xurado, e utiliza o arte como “transformación social” e “vehículo no seu compromiso contra a violencia machista”.

Pola súa banda, Paloma Rodríguez tivo unha “traxectoria de anos traballando polas mulleres” nos que “o seu compromiso continuado co feminismo e polas actividades desenvolvidas na cidade de Ferrol no ámbito da muller” destacou, de acordo co fallo.

A mención honorífica é para o fiscal delegado de violencia sobre a muller José Fernando Martínez, que leva doce anos ao frente desta loita na Fiscalía da Coruña e sobresae pola súa implicación.

O Foro Feminista de Lugo é a institución recoñecida en Lugo. O xurado destaca a súa labor divulgativa do feminismo e as actividades que realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade. Alí a mención é para o policía Pablo Rodríguez, da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Policía Nacional de Viveiro.

En Ourense, o recoñecemento é para Xeracción Sociedade Cooperativa Galega. De acordo co fallo, esta entidade presta os seus servizos baixo os principios de xustiza social, igualdade, responsabilidade colectiva, posta en valor da diversidade e axuda mutua. Todo con tres alicerces: participación cidadá, feminismo e mediación. Recibe a mención honorífica o grupo de Muller e Menor (EMUME) da Garda Civil da provincia.

Por Pontevedra a mención honorífica recae na Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo. Trátase dunha unidade pioneira creada en 2006, antes da súa inclusión na lei de 2007. Realizou, nestes anos, unha morea de importantes iniciativas como o protocolo de prevención do acoso no ano 2012 ou a Cátedra Feminismos que busca o fomento do acceso das nenas e adolescentes a carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñeirías e Matemáticas), segundo explica o xurado.

O xurado, presidido polo delegado do Goberno, José Miñones, estivo completado polas persoas titulares das subdelegacións provinciais: María Rivas, Isabel Rodríguez, Emilio González e Maica Larriba. Contou coas propostas da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación e as súas unidades provinciais de coordinación. José Miñones fixo un chamamento a continuar avanzando cara a fin da violencia machista, un dos principais males que debe erradicar a sociedade.

PROGRAMACIÓN 25N

A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar a semana do 25N no Hostal dos Reis Católicos. Completa un ambicioso programa de actos con máis dunha trintena de actividades arredor do 25N nas catro provincias, que xa comezaron e conclúen o 3 de decembro. É unha media dun acto cada tres días.

Neste contexto de apoio, o Goberno vén de transferir 2,3 millóns de euros aos concellos galegos para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, polo que duplicou a suma de 2020. Con esta cantidade, acumula 12 millóns de euros en investimento en Galicia para loitar fronte á violencia machista ao longo deste ano.