María Rivas salienta o bo traballo para o fomento da lectura do Concello de Ares e sitúa a cultura como motor de recuperación

10/11/2021

O Ministerio de Cultura recoñece en anos consecutivos a biblioteca municipal de Ares entre as mellores do Estado

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno inclúe 325 millóns de euros para revalorizar a industria cultural

María Rivas destaca que o compromiso do Goberno con Ares e o seu alcalde, Julio Iglesias, é total como demostran os 558.000 euros concedidos para fomentar a eficiencia enerxética

O Concello de Ares vén de recibir unha achega para continuar a súa loita fronte á violencia machista e ten oito zonas máis para extensión de banda ancha, polo que suma 36 nos últimos tres exercicios


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, salientou hoxe o bo traballo para o fomento da lectura do Concello de Ares e situou a cultura como motor de recuperación. Explicouno durante unha visita ao Concello, onde mantivo unha xuntanza co alcalde, Julio Iglesias, e visitou a biblioteca municipal galardoada.

“Hoxe vemos un exemplo a seguir. A cultura é un dos nosos principais valores. Temos que coidala e difundila e nisto o Concello de Ares é un exemplo. Un exemplo que animo a imitar en toda a provincia”, subliñou María Rivas.

A biblioteca municipal foi recoñecida polo Ministerio de Cultura xa en 2016, 2017 e en 2020 na Campaña de animación lectora María Moliner e este ano 2021 volveu ser galardonada. Trátase dun concurso de proxectos que premia as mellores iniciativas de animación á lectura e que recoñece 370 bibliotecas do Estado.

“A biblioteca traballa dunha forma excepcional. Para este ano presentou o proxecto ‘La cultura también cura’ e xa foi admitido a trámite. Quero agradecer ao alcalde o seu intenso traballo. A súa visión coincide coa estratexia do Goberno sobre a cultura. Non só pensamos que hai que coidala e que hai que difundila, como no noso proxecto de Bono Cultural, senón que apostamos por que a cultura sexa un motor de recuperación”, engadiu.

O compoñente 24 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia mobilizará 325 millóns de euros para revalorizar a industria cultural. “E precisamente dende o ámbito municipal é dende donde mellor podemos traballar. O concurso de proxectos María Moliner está pensado para concellos de menos de 50.000 habitantes, que son 90 na nosa provincia, aos que animo a traballar como Ares”, afirmou.

COMPROMISO CON ARES

María Rivas destacou que o compromiso do Goberno con Ares e o seu alcalde, Julio Iglesias. Nese senso, citou a recente concesión dunha achega para desenvolver o Pacto de Estado fronte á Violencia Machista, de 2.049,22 euros, ou a inclusión de oito zonas do concello no Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) para este ano, polo que Ares 36 zonas nos últimos tres exercicios.

Xunto a eles, apuntou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu ao Concello 557.821,53 euros para a execución de cinco proxectos de eficiencia enerxética a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE):

-   Renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior na rúa Mazote.

-   Renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior na zona de Lubre.

-   Renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior nas zonas da Rega e rúa Mar do Norte.

-   Instalacións fotovoltaicas para o autoconsumo en dez inmobles do Concello de Ares.

-   Renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior nas zonas de Avda. Mugardos e rúas Carmen, Franja, Porta do Sol, Real e San Antonio

O mesmo Ministerio, a través da Demarcación de Costas, agora está a executar a limpeza plantas alóctonas en distintas praias do Concello de Ares, a última a de Seselle.