José Miñones explica que o Goberno achega ata 10,6 millóns de euros á Xunta para que impulse itinerarios de inclusión sociolaboral no compromiso de non deixar a ninguén atrás

01/11/2021

Co obxectivo de chegar a un de cada catro beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital

O obxectivo é impulsar proxectos piloto para posteriormente difundir as mellores prácticas

Foi aprobado esta semana polo Consello de Ministros e publicado ao día seguinte no Boletín Oficial do Estado

En Galicia son 36.145 as persoas beneficiadas polo IMV posto en marcha polo Goberno


O delegado do Goberno, José Miñones, explicou hoxe que o Executivo vén de aprobar unha achega de ata 10,6 millóns de euros para que a Xunta impulse itinerarios de inclusión sociolaborais ligados ao Ingreso Mínimo Vital e que forma parte do compoñente 23 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliciencia do Goberno.

José Miñones detallou que o Goberno continúa a senda da recuperación xusta, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás. Boa proba disto son os Orzamentos Xerais do Estado para 2022, os máis sociais da historia. Nese contexto, o Consello de Ministros deu luz verde ao Real Decreto que regula a concesión directa de subvencións por parte do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións no ámbito da inclusión social, o que permitirá o despregamento das políticas vinculadas ao IMV. O Real Decreto foi publicado no Boletín Oficial do Estado polo que xa é efectivo. A materialización farase mediante a firma dun convenio coa administración autonómica.

A Xunta de Galicia ten un importe máximo de achega cifrado en 10.602.625,83 euros. O obxectivo é desenvolver proxectos piloto que cheguen a un de cada catro beneficiarios actuais do Ingreso Mínimo Vital grazas aos Fondos Next Generation. Galicia forma parte do grupo de 9 comunidades seleccionadas, xunto con entidades como Fundación Secretariado Gitano, Hogar Sí, Save the Children, Plena Inclusión e Cáritas.

A través destas achegas, traballarase no impulso de proxectos pilotos, a través dunha metodoloxía escalable, baseada en datos e avaliación, que permitirá difundir e extender aquelas prácticas que tivesen mellores resultados, é dicir, as máis eficaces no obxectivo da inclusión.

No desenvolvemento destes proxectos piloto, o Ministerio colaborará con dúas das entidades máis prestixiosas no ámbito nacional e internacional dedicadas ao coñecemento da metodoloxía de ensaios de control aleatorio vinculada á redución da pobreza e á desigualdade, así como á economía do desenvolvemento: J- Pal e Cemfi.

Os itinerarios de inclusión partirán dos beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital, pero poderán incluír a outras persoas en situación de vulnerabilidade. O obxectivo é chegar a distintos colectivos onde o IMV ten unha presenza particular, como as familias monoparentais, os menores en situación de pobreza, as persoas sen fogar, persoas de etnia xitana, etcétera.

Os convenios terán ámbitos de actuación en varias materias, como a educación, o despoboamento, a vivenda, a conciliación ou a dixitalización e terán un enfoque integral, ao entender a inclusión como un aspecto para abordar en varias dimensións.

INGRESO MÍNIMO VITAL EN GALICIA

En Galicia son 36.145 as persoas beneficiarias do IMV. En concreto, son 15.871 na provincia da Coruña, 10.594 en Pontevedra, 5.225 en Lugo e 4.455 en Ourense. Este dereito garante uns ingresos de entre 5.500 e 12.000 euros por fogar cada ano e está ligado a persoas de entre 23 e 65 anos. Está acompañado por un itinerario de inserción laboral.