A Delegación do Goberno activa a mobilización da UME para colaborar nas tarefas de extinción do incendio declarado no concello de Monterrei

Imagen extinción incendio Monterrei

25/07/2020

Dende a madrugada participan na extinción 64 militares da UME, aos que se suman 43 máis durante esta mañá para realizar relevo deste dispositivo

O MITECO despregou durante a xornada de onte medios aéreos e terrestres para apoiar as tarefas de extinción de cinco incendios declarados na provincia de Ourense


A Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior, en coordinación co Ministerio de Defensa, activou esta pasada noite a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME) a petición da Xunta de Galicia para sumar os seus recursos humanos e técnicos aos traballos de extinción do incendio declarado en Flariz, no concello de Monterrei.

A Delegación do Goberno en Galicia foi a encargada de cursar a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da UME.

Dende a madrugada está a participar na extinción do incendio de Flariz (Monterrei) unha sección do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V), con base en El Ferral del Bernesga, composta por 64 militares, seis autobombas, un camión nodriza, así como vehículos de transporte e apoio. Igualmente dende as 10:00 horas desta mañá outros 43 militares realizan relevo a este dispositivo.

A UME é unha unidade especializada do Exército español con carácter permanente que dende 2005 ten como misión a intervención en calquera lugar do territorio nacional. Para a súa actuación en Galicia é necesario que se solicite por parte da Xunta.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, ofreceron toda a colaboración e o compromiso do Goberno de España para a loita contra os incendios, á vez que reiteraron que a Xunta de Galicia encontrará a súa leal colaboración para todos aqueles dispositivos que sexan precisos nesta materia.

MEDIOS AÉREOS E TERRESTRES DESPREGADOS POLO MITECO

Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias hai que sumar os medios despregados ao longo da xornada de onte, venres 24 de xullo, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción de cinco incendios declarados na provincia de Ourense, nas localidades de Viana do Bolo, Monterrei, Verín e Allariz.

Para apoiar a extinción do incendio declarado en Viana do Bolo ao longo do día de onte o MITECO desprazou unha Brigada de Especialistas en Extinción (BRIF) con dous helicópteros de transporte e descarga de 1.200 litros de capacidade dende a base de Laza; dous avións anfibios Canadair de 5.500 litros de capacidade, procedentes das bases de Labacolla (A Coruña) e Matacán (Salamanca); dous avións anfibios Fire Boss de 3.100 litros de capacidade que se desprazaron dende a base de Rosino (Zamora); un helicóptero bombardeiro Kamov, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias); un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende o aeroporto de León; un avión de carga en terra cunha capacidade de 4.500 litros provinte da base de Xinzo de Limia; e unha unidade móbil de análise e planificación (UMAP) da base de Ourense.

Ata Monterrei, onde se declararon dous focos, mobilizouse unha BRIF helitransportada por dous helicópteros con capacidade para 1.200 litros, asignada á base de Laza; tres avións anfibios Canadair de 5.500 litros de capacidade, procedentes das bases de Labacolla e Matacán; dous avións anfibios de 3.100 litros de carga adscritos á base de Rosino; un avión de coordinación e observación, dende o aeroporto de León; e dous avións de carga en terra cunha capacidade de 4.500 litros da base de Xinzo de Limia.

En Allariz o MITECO apoiou as labores de extinción con dous avións anfibios de 5.500 litros de capacidade e un avión de carga en terra de 4.500 litros de capacidade.

Ata un quinto foco da provincia, en Verín, mobilizouse onte un avión de carga en terra con capacidade de 4.500 litros procedente da base de Xinzo de Limia.