María Rivas pon en valor o incremento da participación no Plan Director para a Convivencia nos centros escolares da provincia

María Rivas pon en valor o incremento da participación no Plan Director para a Convivencia nos centros escolares da provincia

15/01/2024

Un total de 41.509 persoas participaron durante o ano 2023 nas diferentes actividades programadas dentro do Plan Director na provincia da Coruña

A ciberseguridade, o acoso escolar e as adiccións son os temas que suscitan maior interese por parte da comunidade educativa

No ano 2023, un total de 359 centros escolares da Coruña participaron nas actividades do Plan Director


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo hoxe unha reunión para analizar os datos relativos ás intervencións realizadas no ano 2023, en cumprimento do Plan Director para a mellora da Convivencia e a Seguridade que leva a cabo en colexios e institutos da provincia; así como para recoller suxestións e necesidades destinadas a mellorar o mesmo. 

Na reunión coa subdelegada participaron Xosé Lois García Carballido, Director da Area de Alta Inspección de Educación; José Manuel *Alfeiran Rodríguez, Alto Inspector de Area  Funcional; así como o Secretario Xeral da Delegación do Goberno, Alberto De la Fuente Seoane.

María Rivas destacou, en comparación co ano precedente,  o gran incremento en participación e en desenvolvemento de actividades do Plan Director para a Convivencia nos centros escolares. “Este Plan ten como finalidade a de educar ao alumnado en igualdade e respecto para así previr, detectar e afrontar situacións que afecten a súa seguridade e benestar”, expresou Rivas.

Os datos proporcionados pola subdelegada reflicten que durante o ano 2023, axentes especializados en formación da Garda Civil e Policía Nacional percorreron un total de 359 centros escolares da Coruña, 68 máis que no 2022, para realizar actividades destinadas a promover valores como a igualdade e o respecto entre o alumnado. 

Para iso, en 2023 realizaron un total 1.920 actividades dentro do Plan Director, 16 máis que no ano anterior, e a temática das mesmas vai en función da demanda dos propios centros nos que se desenvolve. Así, 654 actividades estiveron relacionadas coas novas tecnoloxías e a ciberseguridade, 541 co acoso escolar, 148 con violencia de xénero e 234 con drogas e alcol.

Con respecto á participación, as actividades contaron cun total de 38.180 alumnos e alumnas entre os diferentes centros da provincia.

Os datos analizados na reunión, recollen un notable incremento que reflicte a participación das familias do alumnado e membros do profesorado con respecto a 2022: mentres que no pasado ano participaron nas actividades un total de 549 parentes e titores legais do alumnado e 602 membros do profesorado, no ano 2023 estas cifras alcanzaron os 1.379 e 1.950 respectivamente.

Nesta liña, María Rivas quixo agradecer a gran implicación das familias do alumnado, como a do profesorado, xa que constitúen “un alicerce básico para a formación educativa e persoal da mocidade dos centros”. Tamén sinalou como “imprescindible” o papel que desenvolven as Forzas e Corpos de Seguridade en cuestións de prevención e no desenvolvemento do Plan Director.

A subdelegada do Goberno na Coruña tamén indicou que durante esta semana terá lugar a Comisión Autonómica de Seguimento do Plan Director, na que se analizarán os datos correspondente ao primeiro trimestre do curso 2023-2024.