María Rivas destaca o traballo de Sanidade Exterior, que en 2021 realizou preto de 900 controis na Coruña para salvagardar a saúde pública

María Rivas destaca o traballo de Sanidade Exterior, que en 2021 realizou preto de 900 controis na Coruña para salvagardar a saúde pública

20/07/2022

A subdelegada resalta a “transcendental actividade” dos controis sanitarios en instalacións de portos e aeroportos da provincia

Dentro destes controis, o persoal de veterinaria realiza a inspección de mercadorías destinadas a uso e consumo humano procedente de terceiros países

Nas instalacións tamén se atopa o Centro de Vacinación Internacional, que aplicou máis de 571 vacinas na Coruña no que vai de ano


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou hoxe a sede que alberga a área de Sanidade e Política Social da Delegación e Subdelegación do Goberno na rúa Durán Loriga da Coruña. Rivas percorreu as instalacións de Sanidade Exterior, así como o Centro de Vacinación Internacional, acompañada pola directora a área, Cristina Oliveira, e o secretario xeral da Delegación, Alberto de la Fuente.

Esta visita, explicou a subdelegada, pretende continuar co traballo iniciado recentemente tanto na Delegación como nas distintas Subdelegacións con motivo da Semana da Administración Aberta 2022. “Queremos que a cidadanía coñeza o funcionamento das súas institucións públicas e achegar os seus servizos a todas as persoas da provincia”, asegurou.

Durante a visita, a subdelegada resaltou a “transcendental actividade” da área de sanidade, tanto do servizo veterinario como do servizo médico, que realizaron preto de 900 controis sanitarios nos portos e aeroportos da provincia da Coruña para previr a introdución de enfermidades a través dos alimentos e das persoas procedentes de viaxes internacionais, para así dar cumprimento ao recolleito no RD 1418/1986, dirixido a previr os riscos para a saúde derivados do tráfico internacional de mercadorías e viaxeiros.

 
VACINACIÓN INTERNACIONAL

Na sede de Durán Loriga atópase tamén o Centro de Vacinación Internacional. A cidade herculina conta así cun dos dous centros do Estado que existen na comunidade autónoma. Durante a visita, os presentes destacaron que o equipo facultativo —formado por dúas médicas e dúas enfermeiras— aplicou no que vai de ano 571 vacinas, o que supera as aplicadas en todo o ano 2021, que supuxo un total de 547 vacinas na Coruña.

Este ano 2022 administráronse, en concreto, 369 vacinas de febre amarela, mentres que os 202 restantes corresponden a diferentes enfermidades.

Doutra banda, o número de persoas viaxeiras atendidas por este equipo médico no que vai de ano ascende a 1.400, levándose tamén a cabo a vixilancia e control 114 enfermos e cadáveres desembarcados.
 

INSPECCIÓN DE FARMACIA

A área de Sanidade e Política Social conta tamén con servizos de farmacia que, en 2021, realizaron máis de 15.000 análise de sustancias estupefacientes incautadas polas Forzas de Seguridade do Estado, con 6.000 comisos de drogas na Coruña e Lugo. Ademais, este servizo participou tamén en 40 actuacións de peritaxe xudicial ao longo do ano pasado.