María Rivas avanza a repartición masiva de chalecos reflectores a viandantes, peregrinos e peregrinas e ciclistas nas estradas da Coruña ata o domingo

María Rivas avanza a repartición masiva de chalecos reflectores a viandantes, peregrinos e peregrinas e ciclistas nas estradas da Coruña ata o domingo

23/05/2022

As vías da provincia da Coruña suman 15 vítimas mortais no que vai de ano, 3 máis que o ano pasado nestas datas

A campaña que empeza hoxe busca concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade á vez que conciencia a condutores e condutoras sobre os riscos

María Rivas defende que o obxectivo é chegar ao cero vítimas nas estradas

A subdelegada destaca o esforzo da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou hoxe a repartición masiva de chalecos reflectores a peóns, peregrinos e peregrinas e ciclistas nas estradas da provincia ata o domingo. Explicouno na Coruña, xunto á ponte da Pasaxe, acompañada pola directora provincial de Tráfico, Vitoria Gómez, e o responsable da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, Antonio Velasco.

A Dirección Xeral de Tráfico empeza hoxe unha campaña especial de tráfico de sensibilización sobre usuarios e usuarias vulnerables, que se estende ata o domingo. “Hoxe damos continuidade a unha das prioridades do Goberno: a seguridade viaria. Porque non nos cansamos de loitar para que sigan baixando as vítimas. O obxectivo é chegar a 0 e este ano, nesta provincia, xa temos 15 vítimas mortais. Son 3 máis que o ano pasado nestas datas”, explicou.

A campaña está centrada no colectivo de persoas vulnerables, aquelas que é máis probable que se vexan implicadas nun accidente de tráfico e, por tanto, que teñen máis risco de resultar feridas ou falecer. En concreto o obxectivo son peóns, ciclistas e motoristas.

“Temos unha gran preocupación sobre este colectivo, que representou o ano pasado unha de cada tres vítimas mortais e son un 40% no que vai de ano. Por iso desde hoxe e ata o domingo estaremos nas estradas centrados especialmente neste colectivo. Os axentes e as axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil entregarán estes elementos reflectores que poden ver. Estes chalecos son para peóns, peregrinos e peregrinas e ciclistas”, proseguiu.

Todas aquelas persoas deste grupo que non leven chaleco, recibirán un da Dirección Xeral de Tráfico. Tamén se lles entregará material impreso específico con recomendacións e normas.

“O obxectivo son o cero vítimas. E para reducilas facémolo con dúas vías de traballo: concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade e concienciar aos condutores e condutoras”, engadiu.

Os condutores e as condutoras deben ter claro que en presenza de colectivos vulnerables deberán reducir ou moderar a velocidade, prestar especial atención en cruces e xiros, mirar polos espellos retrovisores para confirmar a posible presenza de ciclistas ou motoristas, usar os intermitentes con antelación suficiente para sinalizar as manobras e respectar a distancia lateral de polo menos 1,5 metros ao adiantar a ciclistas ou peóns. “Non nos cansaremos mentres haxa risco, nin pararemos mentres haxa vítimas”, concluíu.