Emilio González informa de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 521 dispositivos de control na provincia nos últimos seis días

17/02/2021

Os operativos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado permitiron identificar a 9.523 persoas e controlar 7.718 vehículos entre o 11 e o 16 de febrero

Dende o 27 de xaneiro a Garda Civil e a Policía Nacional efectuaron 1.718 controis sanitarios nos que identificaron a 29.328 persoas e controlaron 23.038 vehículos

O subdelegado do Goberno subliñou o traballo das forzas de seguridade para vixiar o cumprimento da normativa establecida polas autoridades sanitarias


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe unha nova xuntanza do Centro de Coordinación (CECOR) provincial na que se avaliaron os operativos de seguridade establecidos para dar cumprimento á normativa sanitaria decretada polo Goberno autonómico fronte a COVID-19. Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

O subdelegado do Goberno salientou que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia de Ourense 521 dispositivos de vixilancia dende o pasado xoves, data na que tivo lugar a anterior reunión do CECOR. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 9.523 persoas e controlaron 7.718 vehículos.

Emilio González detallou que nos días comprendidos entre o 11 e o 16 de febreiro a  Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 277 propostas de sanción polo incumprimento das medidas sanitarias que ten establecidas a Xunta.

Así mesmo, na xuntanza os responsables das forzas e corpos de seguridade informaron de que durante os días de celebración do Entroido na provincia non se rexistraron incidencias relevantes.

O subdelegado do Goberno quixo destacar, unha vez máis, a importancia de manter a responsabilidade persoal e de cumprir con todas as medidas sanitarias vixentes na Comunidade, así como de seguir as indicacións facilitadas polas forzas e corpos de seguridade.

Cos 521 dispositivos efectuados nos últimos seis días, son xa 1.718 os levados a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado dende que o 27 de xaneiro entraran en vigor as restricións aprobadas polo Goberno galego.

Durante estes operativos, os axentes da Garda Civil e da Policía Nacional identificaron a 29.328 persoas e controlaron 23.038 vehículos. En canto ás propostas de sanción, supoñen un total de 772, cifra que implica que o 2,6% do total de persoas identificadas incorría nalgunha sanción relacionada co incumprimento das medidas sanitarias que ten establecidas a Xunta.

Por último, o subdelegado do Goberno quixo agradecer o traballo realizado na provincia pola Garda Civil e pola Policía Nacional, xunto coa Policía Autonómica e as Policías Locais, para asegurar o cumprimento das restricións fixadas pola Xunta de Galicia.