Maica Larriba visita o Banco de Alimentos de Vigo para coordinar a última entrega do programa de axuda alimentaria do Goberno

22/02/2021

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe á sede do Banco de Alimentos de Vigo para supervisar a distribución de 268 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria 2020 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as instalacións do Banco de Alimentos en Vigo para coñecer o desenvolvemento da terceira fase do Programa de Axuda Alimentaria que o Goberno de España destina a familias en risco de exclusión social. Nesta terceira e última fase, a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos, entidades que se encargan do almacenamento e distribución dos alimentos na provincia, repartirán entre máis dun centenar asociacións, 536 toneladas de produtos alimenticios.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra actúa, a través da Dependencia de Agricultura, como Unidade de Control do programa. Con esta terceira fase culmina a anualidade 2020 deste programa de axuda, que contou na provincia con 23.750 beneficiarios, un 8 % máis que no exercicio anterior, e repartiu, sumando tamén os alimentos distribuídos ao longo da primeira e segunda fase desenvoltas en xuño e outubro do ano pasado, un total de 1.569 toneladas de comida.

Maica Larriba quixo agradecer ao Banco de Alimentos, así como á Cruz Vermella e ao máis do centenar de asociacións e colectivos sociais que contribúen ao reparto de alimentos o seu “enorme esforzo, traballo e compromiso sobre todo nun momento no que os sectores máis vulnerables da sociedade están a sufrir especialmente as consecuencias da crise motivada pola COVID-19. Estas cestas de alimentos básicos, nutritivos e pouco perecedoiros son solucións efectivas que palían a situación de precarización das persoas máis desfavorecidas e materializan o escudo social deste Goberno que ten como obxectivo protexer aos colectivos sociais máis vulnerables”.

Con esta entrega complétanse as 784,5 toneladas de comida que repartirá o programa nesta anualidade a través do Banco de Alimentos, que actúa como centro de almacenamento e distribución (CAD). Cruz Vermella, o outro centro CAD da provincia, distribuirá a mesma cantidade. Estas dúas institucións contan coa colaboración de máis dun centenar de organizacións locais de reparto, que serán as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais ás persoas máis desfavorecidas.

Maica Larriba fixo fincapé “no valioso traballo das organizacións que participan no programa e de todos os seus voluntarios. Facedes da nosa, unha sociedade máis xusta, solidaria e comprometida”. Así mesmo, agradeceu “a implicación todas as entidades que participan nas entregas deste fondo de alimentos e que contribúen a dar unha resposta urxente e coordinada ás persoas máis vulnerables da nosa provincia”.

Na súa visita, a subdelegada do Goberno estivo acompañada polo presidente do Banco de Alimentos na provincia de Pontevedra, Pedro Pereira.

Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha en marzo do ano pasado o “Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”, a través do cal se repartirán, de forma gratuíta, 88.448.397 q uilos de alimentos en toda España.

O Programa 2020, que supuxo a adquisición de alimentos a través dun proceso de licitación pública por máis de 87 millóns de euros, está cofinanciado nun 85 % polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15 % polos orzamentos do Estado.

A “cesta de alimentos” que se entrega aos beneficiarios inclúe arroz, legumes cocidas, leite enteira UHT, aceite de oliva, atún en conserva, sardiñas en conserva, conserva de carne, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, macedonia de verduras,  froita en conserva, batido de chocolate e tarriños infantís de froita e de polo.