Maica Larriba recorda que a menor distracción ao volante pode ter as peores consecuencias

Presentación da campaña

09/09/2022

O ano pasado en Pontevedra 3.024 condutores foron sancionados polo uso del móbil mentres conducían. A Asociación de Persoas con Lesión Medular e Outras Discapacidades Físicas colabora na iniciativa concienciado a través dos seus testemuños persoais. A subdelegada recoñeceu que no que levamos de ano as cifras de accidentes mortais na provincia son mellores que as de anos anteriores


Pontevedra, 9 de setembro de 2022.- “Ningunha chamada, mensaxe ou whatsapp é máis importante que a nosa vida, pois a menor distracción durante a condución pode ter as perores consecuencias”, sinalou esta mañá a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, tras supervisar un operativo da Garda Civil de Tráfico no marco da nova campaña especial de control das distraccións da DGT, que se desenvolve ata o día 13. É que, precisamente, unha das distraccións máis habituais ao volante é o uso do teléfono móbil. Tanto é así que, como informou a subdelegada, “o  ano pasado na nosa provincia 3.024 condutores foron sancionados por empregar o móbil mentres conducían”. “Se comparamos esta cifra cos datos de 2019”, engadiu, “o crecemento das denuncias foi do 39%, o que demostra que o endurecemento das sancións levada a cabo na reforma da lei de Tráfico era moi necesaria”. 

Na presentación da campaña, que tivo lugar no quilómetro 111 da estrada Nacional-550 en Pontevedra, a subdelegada estivo acompañada por Manuel Varela Salorio e Luz Pato López, membros da Asociación de Persoas con Lesión Medular e Outras Discapacidades Físicas aos que lles agradeceu a participación. Así mesmo, estivo presente Paula Yubero, xefa provincial da DGT e Antonio Piteira, capitán da agrupación de tráfico da Garda Civil.

A Federación Nacional ASPAYM colabora coa DGT nesta iniciativa implicando a voluntarios con lesión medular que acompañarán aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nos seus controis na estrada en diferentes puntos de España, co obxectivo de concienciar coa súa presenza das consecuencias e secuelas irreversibles que pode ter unha pequena distracción ao volante. A colaboración enmárcase dentro do seu traballo de sensibilización que realizan baixo o título de “Non  corras, non bebas, non cambies de rodas” que levan a cabo xa desde 2007 e dentro da que se inclúen diferentes iniciativas que teñen os testemuños persoais como eixo central.

Maica Larriba explicou que a condución distraída ou desatenta estivo presente no 32% de todos os accidentes con vítimas mortais rexistrados no ano pasado na totalidade do país. “Na nosa provincia ese dato é lixeiramente inferior, pero crecendo con respecto aos anos anteriores, porque mentres nos anos 2019 e 2020 a distracción estaba presente aproximadamente no 25 por cento dos accidentes, o ano pasado esa cifra xa creceu ata o 29 por cento”, indicou. Poren, a subdelegada considera que “estas campañas de especial vixilancia seguen sendo moi necesarias” e puxo como exemplo que na celebrada o ano pasado entre o 16 e o 22 de setembro, controláronse 5.354 vehículos e denunciouse a un 6,27 %, moi por encima da media nacional que se situou no 2,21%. 

“Son datos que poñen de manifesto que cando nos subimos ao noso vehículo e comezamos a marcha o máis importante é poñer os cinco sentidos no que estamos a facer evitando as distraccións co móbil ou outras actividades”, incidiu Maica Larriba, ao tempo que lles recordou aos condutores que o uso do móbil non só se vixía coa presenza das patrullas da Garda Civil, senón que as cámaras de tráfico tamén vixían e son unha decena na nosa provincia.

Accidentes mortais
Con todo, Maica Larriba recoñeceu que “no que levamos de ano as cifras de accidentes mortais son boas na provincia”. Así, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de agosto só se rexistraron cinco falecidos nas estradas interurbanas. No ano 2019, último ano comparable sen ter en conta o efecto das restricións da Covid-19, os falecidos foron 18 neste mesmo período e no 2020, aínda coas restricións de mobilidade, os mortos nas estradas provinciais alcanzaron a cifra de 14 persoas ata o 31 de agosto. O ano pasado esta cifra foi de 17 persoas. 

“A pesar da redución numérica en canto ao número de vítimas mortais non nos podemos contentar xa que o número global de accidentes aumentou na provincia”, informou a subdelegada. Deste xeito, se comparamos o período do 1 de xaneiro ao 31 de agosto do ano 2019 co mesmo período deste ano o número de accidentes incrementouse nun 11%. “Iso si”, aclarou, “tanto os falecidos como como os feridos graves e leves reducíronse nun 35%”.