Isabel Rodríguez recoñece a adicación e servizo do persoal dos centros penitenciarios de Lugo

24/09/2021

No transcurso do acto solemne entregáronse as mencións concedidas por Institucións Penitenciarias a persoal dos centros de Bonxe e Monterroso

A subdelegada apuntou que grazas ao comportamento do persoal e dos internos e internas conseguiuse seguir avanzando na reinserción a pesar da situación excepcional provocada pola pandemia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe o acto de conmemoración na provincia do Día da Merced, festividade das institucións penitenciarias. A celebración tivo lugar na Subdelegación do Goberno e a ela asistiron os directores dos Centros de Bonxe, José Manuel Pernás, e o de Monterroso, Antonio Rivera.

Na súa intervención, Isabel Rodríguez fixo un recoñecemento público da adicación e profesionalidade do persoal dos centros penitenciarios da provincia e destacou especialmente o seu traballo nos difíciles meses marcados pola pandemia da Covid-19.

A subdelegada lembrou que “a  aparición  da  pandemia afectounos a todos na nosa vida e nos nosos traballos, e obrigounos a tomar medidas extraordinarias para protexer a saúde dos cidadáns, pero non impediu que deixaran de prestarse os servizos públicos, implantando, iso si, distintas medidas restritivas,  como poden ser, no caso das institucións penitenciarias, as que afectaron á mobilidade da poboación interna, ao acceso de familiares e profesionais extrapenitenciarios aos centros, ou á supresión de talleres e outros programas de prevención”.

Rodríguez incidiu en que “a prioridade foi sempre, durante estos longos meses, garantir a saúde e a seguridade sanitaria tanto dos internos como das plantillas” e destacou que “a pandemia constituíu unha dificultade engadida, a maiores das habituais, que foi posible atender, sobre todo, grazas ao voso compromiso e a profesionalidade do persoal dos centros penitenciarios da provincia. Profesionalidade, implicación e cumprimento das obrigas que impón este servizo público esencial que quero agradecer publicamente aproveitando este acto oficial”.

A subdelegada tamén remarcou o esforzo das traballadoras e os traballadores para seguir avanzando na tarea de reinserción dos internos e das internas, obxectivo do traballo penitenciario en España, tal e como recolle a Constitución. “Quero dar as grazas polo traballo realizado, nestas circunstancias tan difíciles como extraordinarias, polos equipos directivos e polos funcionarios tanto de Bonxe como de Monterroso”, subliñou.

Ademais de felicitar aos 8 traballadores aos que este ano concedeu mencións Institucións Penitenciarias, Rodríguez aproveitou a celebración do Día da Merced para poñer en valor o servizo público que presta o persoal dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, así como do servizo de xestión de penas, xa que “tedes  encomendada unha responsabilidade especialmente complicada e non sempre debidamente recoñecida pola sociedade”.

RECOÑECEMENTOS

Durante o acto fíxose entrega de distintos recoñecementos a persoal dos centros de Bonxe e Monterroso. Este ano a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias concedeu 6 mencións honoríficas polo seu traballo durante os últimos meses á pedagoga María del Carmen Gutiérrez Trujillo, ás enfermeiras Celia Redondo Balbuena e Ana Isabel García Paniagua e á auxiliar de enfermería de Ana Rosa Batán Frías, todas elas do centro penitenciario de Monterroso, así como ao xefe de servizos Pedro Rivera Castro e o xefe da oficina de xestión Daniel Río Cruz, ambos do centro penitenciario de Bonxe.

Asimesmo concedéronse dúas mencións honoríficas por 25 anos de servizo a Jesús María Guridi Huerta e Ángel Gómez Villar, ámbolos dous de Bonxe.